|
16/4/2023
dolmendedombate.com/SYNC
Unha investigación internacional demostra que os cazadores-recolectores de hai 39.600 anos confeccionaban a súa roupa mediante técnicas de perforación con puntón catorce milenios antes da introdución das agullas con ollo en Europa.
Un estudo de arqueólogos franceses, no que veñen de participar científicos da Universidade de Barcelona indica que durante a cultura auriñaciense, e cando aínda non había agullas para enfiar, o ser humano confeccionaba a súa roupa coa axuda de distintos elementos, como a táboa de óso achada na contorna da localidade de Gavà, na área metropolitana de Barcelona, no sitio de Terrasses de la Riera dels Canyars
A confección de pezas cinguidas ao corpo seguramente resultou fundamental para a supervivencia das poboacións paleolíticas, que viviron nunha era de temperaturas xélidas fai uns 40.000 anos. Agora grazas a esta investigación dun grupo de investigadores das universidades de Burdeos e Barcelona, abriuse o camiño para entender que ferramentas e técnicas utilizaban estas poboacións primitivas como seres humanos anatomicamente modernos que conviviron cos neandertales.
A táboa de perforación atopada en Gavà é un fragmento de pelvis dun gran mamífero, probablemente un cabalo ou un bisonte, que incorpora 28 perforacións no seu parte plana e ten unha antigüidade calculada duns 39.600 anos, e que permitiu entender aos investigadores como se consían traxes máis axustados en coiros grosos naquela época prehistórica.
Ata o de agora, os especialistas asumiran que a época da invención das agullas con ollo para enfiar podería coincidir coa aparición da indumentaria entallada, aínda que esta ferramenta, en aparencia, non parecía o suficientemente resistente como para perforar repetidamente o coiro.
Con todo, a partir desta investigación, os científicos puideron constatar que era posible realizar sinais idénticos perforando un coiro groso para facer unha liña de puntos necesaria para a fabricación de obxectos impermeables en coiro, unha técnica que coincide coa empregada polos zapateiros nas sociedades tradicionais.