Os fragmentos dun vaso cerámico do xacemento lugués de Cova Eirós aportan novidades sobre o proceso de neolitización da fachada atlántica
Fragmentos do vaso atopado en Cova Eirós (Triacastela, Lugo) |
dolmendedombate.com/IPHES
A análise realizada dos restos de lípidos do seu interior permite inferir que foi empregado para o procesado de carne de gando con vexetais.
Segundo unha investigación desenvolvida polo Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social de Tarragona en colaboración coa Universidade de York, tanto pola forma de botella da peza como pola súa profusa decoración, realizada coa impresión dunha cunha de berberecho (Cerastoderma edule), o recipiente recorda á cerámica cardial, característica do rexistro arqueolóxico entre os primeiros grupos neolíticos do sur da península ibérica.
Os fragmento do vaso cerámico foron recuperados do interior dunha fosa excavada á entrada de Cova Eirós e aínda que non se puideron datar directamente, os paralelos estilísticos e tipolóxicos permiten establecer unha relación directa con conxuntos alfareiros do sur do actual territorio de Portugal.
A cerámica cardial deste tipo está vinculada cos primeiros grupos do Neolítico Antigo, que penetraron ata a península ibérica ao longo do litoral mediterráneo traendo consigo a introdución das prácticas agrícolas e gandeiras.
A partir doutros exemplos identificados e datados no litoral portugués (Galería da Cisterna, Santarém, Casével), o achádego do xacemento de Cova Eirós, na localidade lucense de Triacastela, podería sinalar que o inicio das prácticas neolíticas no noroeste peninsular remóntase probablemente a finais do VI milenio Antes do Presente (AP), unha etapa todavía pouco coñecida da prehistoria galega.
(Texto en español)