Dolmen de Dombate: da arqueoloxía ao populismo

Pasarrúas musicais, actividades circenses e espectáculos de maxia -entre outros- transformaron ao centro arqueolóxico e a súa área de protección, no mes de setembro, na antítese do que debería ser un centro de divulgación da prehistoria, converténdoo nun espazo museístico suxeito ao interés político -e a miúdo caciquista- de quenda. 

Porque o que o Dolmen de Dombate necesita non é que o poñan en valor, senón que o respecten como se merece. E sobre todo, verdadeiros profesionais para xestionar un monumento que, visto o visto, estálle a quedar grande á Deputación coruñesa e aos seus responsables políticos de Cultura e Patrimonio.

Resulta difícil saber o que se lle pasa pola cabeza como servidores públicos a Xosé Regueira Varela e Xosé Luís Penas Corral -quen sabe, quizáis o todo vale-, pero a delegación de funcións do Grupo Provincial do BNG nos intereses do alcalde do PP en Cabana de Bergantiños e quenes lle bailan as augas non augura un futuro prometedor cos técnicos-funcionarios da Deputación evitando problemas e os seus representantes políticos, os que deberían dar a cara, lavándose as mans. É así como chegamos á situación actual, onde o populismo ven de suplantar á arqueoloxía.

Non hai máis que botar un vistazo ao plantexamento dos restantes centros arqueolóxicos de Galicia -ou de calquera outro lugar- para darse conta de que a realización en áreas protexidas de actividades que están completamente fóra de contexto van en contra do interés de calquera conxunto monumental.
Ninguén discute, en calquera caso, sobre o lícito destas actuacións de farándula, propias e ideais para calquera local social municipal, pero o que hai que entender é que un centro arqueolóxico e a súa área protexida, onde ademáis se teñen realizado excavacións, NON É O LUGAR.

Futuro incerto para o Dolmen de Dombate. Primeiro, do abandono á turistificación. Agora, da arqueoloxía ao populismo. 

(Texto en español)