Un simposio para xustificar o inxustificable no Dolmen de Dombate

7/9/2016


Tras nove meses de xestión cultural desenvolvida en boa medida á marxe do contexto do monumento, o centro de interpretación do megalito organizou o 7 de setembro a primeira actividade que de maneira directa garda relación coa temática arqueolóxica do recinto.

Conforme ao vivido durante o 2016 o que estaba previsto como un "Congreso" quedouse en "Simposio" de tarde entre semana e con nula repercusión, en especial tras a celebración do encontro sobre megalitismo celebrado en Vimianzo os pasados días 2, 3 e 4 deste mes.

Porque o guión en Dombate é coñecido, e os actores do evento tamén, nalgún caso cuxa asistencia é máis que cuestionable. Porque así é a traxedia da arqueoloxía galega, na que en ocasións os que deberían ser estudiosos de mente aberta consideran ao monumento cara ao que dirixen os seus anhelos como unha posesión, como unha mera ferramenta para potenciar o seu ego.

A maiores, o pretender xustificar meses de sinsentidos cunha tarde de arqueoloxía que xustifique a interminable cadea de erros soa case a tomadura de pelo nun centro arqueolóxico manoseado no político ata a extenuación, como recentemente se viviu cunha entrega de premios centrados na inauguración dun tramo da autovía da Costa da Morte, onde o alcalde de Cabana José Muiño (PP) actuou totalmente á marxe da Deputación da Coruña e que obrigou ao responsable último de todo o desaguisado, o ínclito deputado provincial do BNG Xesús Soto a denunciar un uso "partidista" e non autorizado deste ben cultural.

Porque Soto foi, en definitiva, o que deu o volantazo en xaneiro deste ano e así será lembrado, pois nunha manobra imposible de entender entregou sen maiores problemas o control do megalito ao Partido Popular cando previamente anunciara en público a non renovación do convenio de colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños aducindo a existencia de "unha serie de informes internos de Patrimonio e Arquitectura -da Deputación- que non aconsellaban a renovación do convenio tal e como se estaban realizando as actividades".

Daqueles barros, estes lodos, aínda que sen dúbida o maior prexuízo é para o propio dolmen. O mundo ao revés.

(Texto en español)