Electoralismo e interese partidario no Dolmen de Dombate

21/8/2016


De novo esta fin de semana, a "catedral" galega do megalitismo volveu ser o centro da polémica nun novo episodio do xogo político que dende 2014 parece instalarse no centro arqueolóxico sen visos de solución a curto prazo.

Esta vez foi a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, a que se fixo a foto e deixouse acompañar polo alcalde de Cabana de Bergantiños nun acto montado á súa medida -a do PP-, a través da entrega de premios do concurso de ideas "Autovía Costa da Morte. Camiño de Futuro".

En tempos de crises hai que rendibilizar os recursos públicos, pero en tempos preelectorais imponse o "dous mellor que unha", porque coma se dunha segunda inauguración se tratáse, a Conselleira Vázquez desfíxose en eloxios ao seu propio traballo. Porque á fin e ao cabo en política todo queda -ou debería quedar- na casa.

Son tempos de electoralismo, de palmadas no ombro e de xentes de partido, de mesturar a cultura megalítica coa pataca de Coristanco, e tamén do turismo de masas, que algúns esperan como auga de maio a ver se termina de baterse o record mundial de concentración humana no Dolmen de Dombate. Xa o di a propia Conselleira. É que agora "é máis fácil chegar a este fantástico Dolmen de Dombate para os turistas". Dombate convertido en Torremolinos.

Turismo de masas que, sen embargo, non conta coa máis mínima infraestrutura na parroquia de Borneiro onde se atopa o dolmen. Concentración humana que tampouco aproban os veciños da zona inmediata ao centro arqueolóxico, que remataron por ver a trasfega cara ao monumento máis como un ataque á súa tranquilidade que como algo supostamente beneficioso.

E de fondo, a escura sombra da privatización, cos deputados provinciais de Patrimonio e Cultura -ambos os do BNG-, deixándolle facer a vontade ao seu partido antagónico nun funesto intercambio de cromos, amancebándose de vez co poder sen maiores problemas. Son tempos infames para as persoas de ben.

O propio dolmen é sen embargo o principal prexudicado, tanto a nivel de conservación arqueolóxica como de imaxe pública. Porque tras décadas de abandono e desatención os malos tempos actuais conducen ao monumento ao outro extremo, a morrer de éxito.

(Texto en español)