Urxe unha xestión profesional moi afastada da actual feira na que algúns pretenden converter o monumento de referencia do megalitismo galego. Nesta ocasión e durante a fin de semana foi un concerto de folk na súa contorna.
Era o lugar apropiado? Pois desde logo que non, sobre todo tendo en conta que Cabana de Bergantiños conta cun magnífico auditorio municipal para este tipo de lides. É o Concello, que utilizando o símil, volve dar a nota.
Hai que recoñecer que tampouco axuda o convenio de colaboración que este ano renovou a Deputación Provincial da Coruña, que nunha infame cláusula, a 2.3.4, afirma que hai que aproveitar "a acústica do centro arqueolóxico" e tamén "a súa protección contra as inclemencias do tempo", o que abre as portas a calquera tipo de actividade imaxinable.
Os deputados provinciais do BNG Xesús Soto (Patrimonio) e Xosé Regueira (Cultura), quedarán retratados para a posteridade non só por ser os que xunto con Manuel Muiño (alcalde de Zas e primo irmán do ínclito rexedor de Cabana) permitiron que a catedral galega do megalitismo pasase a mancheas ao Partido Popular, senón polo recordo da súa actuación política.
Como xa se escribiu, con razón recoñecía Anxo Quintana -exvicepresidente da Xunta na etapa do Bipartito- tras abandonar o partido despois de catro décadas de militancia, non compartir "nin na forma, nin no fondo, nin na táctica, nin nos obxectivos" o proxecto político actual do BNG porque "cando a visión crítica da organización, no canto de excepción, convértese en norma, é síntoma de que estás no sitio equivocado". Por iso, e por este tipo de escarceos co Partido Popular ao que historicamente tanto criticou, o actual BNG vai camiño de converterse nunha forza residual alén dos seus feudos municipais.
Mentres tanto, o patrimonio sofre e o seu prestixio debilítase, por iso é necesario que neste momento a Xunta faga valer a responsabilidade que lle outorga a actual lexislación sobre patrimonio arqueolóxico e impoña o seu criterio como autoridade de referencia en canto aos bens de interese cultural en territorio galego. Algo que supón pedir case un milagre cando por exemplo, en Triacastela, os adláteres da Consellería de Cultura están a permitir sen rubor as detonacións mineiras de Cementos Cosmos xusto encima de Cova Eirós, maior santuario paleolítico do noroeste peninsular.
(Texto en español)