O Dolmen de Dombate e a feira do percebe

18/7/2016

Percebe de cantería en pleno recinto arqueolóxico de Dombate 
Ata fai relativamente pouco, achegarse ao Dolmen de Dombate, en plena Costa da Morte coruñesa, supoñía unha dobre experiencia. A primeira, descubrir os innumerables problemas de conservación que ten o monumento, con partes da zona arqueolóxica totalmente tapizadas de verde pola presenza de fungos e humidade favorecidos pola política de "romaría" impulsada dende o Concello de Cabana de Bergantiños. A segunda, quedar estupefacto ante o percebe de cantería xigante que alguén pouco avezado decidiu plantar e/ou autorizar no tramo do recinto que dá acceso ao monumento acompañado doutras tantas pezas da máis variada temática, en ningún caso integradas co contexto desta xoia do megalitismo galego.


Si, un percebe xigante, trasladado xunto con outros bloques irmáns desde o concurso de cantería "Vento de Pedra", instalado no 2014 no Paseo Marítimo de Cabana, o que sen dúbida fose o lugar máis adecuado para unha exposición destas características.

Non foron poucos os veciños e veciñas da bisbarra que ao ter coñecimento do feito fixeron referencia a que a citada obra lembráballes a un falo de envergadura e de gran "personalidade", dada o nariz prominente e os beizos carnosos do rostro impreso na afamada obra. Quizais unha oda á fertilidade prehistórica ou unha representación perfecta dun período "falolítico" xa extinto, quen sabe.

Improvisados "menhires" aparte, a cuestión é se algo semellante toleraríase na contorna dun xacemento arqueolóxico que debería ser de referencia en calquera outro país europeo e a resposta é simple e sinxelamente non. Tanto coma o reincidir no erro e organizar un novo concurso de cantería no lugar, agora "internacional" e por suposto levando o nome do monumento, o "I Certame Internacional de Cantería Dolmen de Dombate".

As probas dan que pensar sobre os autores intelectuais do desaguisado tanto antes como agora. Cal será a seguinte sorpresa que nos haberá de deparar a xestión do alcalde popular José Muiño e o seu asesor de Cultura José Mª Varela no monumento? unha feira de polbo? o "I Encontro Internacional da empanada Dolmen de Dombate?". Calquera festa de exaltación popular é xa posible no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate pois á fin e ao cabo convén non esquecer que para algúns o churrasco e a pandeireta son unha excelente fábrica de votantes.

Por desgraza, as cousas non melloran se nos atemos á situación vixente na Deputación Provincial da Coruña, propietaria do dolmen, cos deputados de Patrimonio e Cultura do organismo (Xesús Soto e Xosé Regueira -ambos do BNG-), aplaudindo a dúas mans cada unha das mostras de "excelencia" e "internacionalidade" que chegan desde Dombate mentres de fondo reina o máis profundo descoñecemento e se atisban aires de privatización.

(Texto en español)