O debate parlamentario sobre o Dolmen de Dombate deixa en evidencia a problemática actual do monumento

14/7/2016

A Proposición Non de Lei presentada por AGE o pasado 6 de xullo na Cámara galega afirma que hai indicios de que os convenios que mantén actualmente a Deputación Provincial da Coruña co consistorio "non son os máis acaídos" e que "a conservación da arte parietal" do monumento "é unha prioridade absoluta que se ergue por riba da do interese turístico" polo que pide ao Parlamento de Galicia que inste á Xunta a "desenvolver as accións oportunas" para facerse cargo do megalito.

Para o grupo político, a adquisición do Dolmen de Dombate por parte da Deputación en 1978 "non foi acompañada das necesarias medidas de protección do ben" e "hai evidencias de que os convenios que actualmente tece a Deputación Provincial co concello non son os máis acaídos", poñendo como exemplo ilustrativo os danos sufridos pola réplica ou neodolmen, "que custou uns 83.000 euros no ano 2012 e que, en menos de tres anos, xa coñeceu unha grave deterioro, inadmisible se se fixeron de maneira apropiada as tarefas de supervisión das visitas e non se tivese masificado o número de visitantes posibles en cada itinerario de consulta".

Desde a formación "sorprende, con estes feitos, a renovación do convenio entre a Deputación Provincial e o Concello de Cabana" porque "todo apunta a que o Concello de Cabana non xestionou ben o centro e da forma máis respectuosa co patrimonio cultural".

"Non falamos dun ben turístico e de mercado. Falamos de cultura, educación e identidade dun pobo. Non falamos dun ben a masificar, senón a dar a coñecer de forma ordenada, equilibrada e lonxe de veleidades privatizadoras (como podería ser o cobro dunha entrada)" -valora a proposta-.

AGE entende, finalmente, "que un Ben de Interese Cultural de incomparable beleza patrimonial como é o Dolmen de Dombate debe pertencer á Xunta de Galicia quen, a través da súa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, debe encargarse de salvagardar, protexer e velar pola integridade do patrimonio cultural galego".

Por iso a PNL insta o Goberno da Xunta a "desenvolver as accións oportunas para adquirir a titularidade do Dolmen de Dombate e salvagardar a súa integridade a través dunha xestión plenamente pública orientada a preservar e dar a coñecer, de forma ordenada e equilibrada, este Ben de Interese Cultural para o goce de toda a cidadanía".

A proposta, que foi rexeitada polo Grupo Parlamentario Popular -o PP tamén goberna en Cabana de Bergantiños-, obtivo o respaldo sen fisuras de todos os grupos da oposición. Con todo, senta un precedente fundamental para comprender a problemática do monumento e a incorrecta actuación realizada desde a Deputación Provincial da Coruña ao renovar o convenio co concello.

(Texto en español)