Seis preguntas e respostas para comprender o que pasa no Dolmen de Dombate

Un dos grandes monumentos do neolítico galego está no ollo do furacán. Tras décadas de abandono e desatención por parte de institucións e particulares que deberían estar implicados na súa conservación, o actual modelo desenvolvido neste monumento de referencia está condenado ao fracaso, a medio camiño entre o descoñecemento do que ás veces fan gala quenes debería velar por preservalo e o uso interesado de parte da clase política.

1. Onde se atopa o Dolmen de Dombate?

O Dolmen de Dombate, denominado tradicionalmente como o "Fornello de Vilaseco" atópase na parroquia de Borneiro, no municipio de Cabana de Bergantiños (A Coruña).

2. A quen pertence o Dolmen de Dombate?

Neste momento o monumento é propiedade da Deputación da Coruña, comprado por acordo plenario en 1975 logo da adquisición de 715 m² de terreos. Foi declarado Ben de Interese Cultural (por aquel entón Monumento Histórico-Artístico) o 11 de marzo de 1978, a través do Decreto 728/78 publicado no Boletín Oficial del Estado (BOE).

3. Que está a ocorrer no Dolmen de Dombate?

Aínda que podería pensarse que tras a compra por parte da Deputación coruñesa todo pasou a ser un leito de rosas para o monumento nada máis lonxe da realidade, pois o seu abandono viuse unicamente interrupido polas primeiras escavacións arqueolóxicas que con carácter sistemático realizáronse entre 1987 e 1989, antes de enfrontarse de novo á desidia institucional e nunha serie de lamentables desencontros entre políticos, técnicos e arqueólogos, o que di ben pouco do interese real que por esta ciencia hai en Galicia.

A piques de caer de novo no esquecemento e afectado de graves problemas de seguridade e restauración, finalmente decidiuse sacar a concurso un proxecto para a súa musealización, completado en 2011 coa inauguración do Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. Un ano máis tarde dispúxose a réplica coa finalidade de protexer o monumento orixinal, o neodolmen, tras un investimento público de máis de 83.000 euros.

No verán de 2014 o Concello de Cabana de Bergantiños logrou facerse cargo da xestión cultural do centro arqueolóxico e pouco despois xa puideron constatarse os seus efectos, cun programa de actividades centrado no número de visitantes que en absoluto tivo en conta as posibles consecuencias. Dentro do plan de actuacións culturais levado a cabo a nivel local organizáronse diversos actos pouco axeitados para o recinto. Como consecuencia o neodolmen, en perfectas condicións ata o inicio da xestión municipal, acabou con numerosos desperfectos.

En maio de 2015, o Servizo de Arquitectura e Patrimonio da Deputación da Coruña foi alertado da situación que atravesaba a instalación, razón que levou ao por aquel entón deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamentos Xesús Soto Vivero (BNG) a anunciar en público a non renovación do convenio ao contar con informes técnicos negativos que desaconsellaban esta posibilidade. Con todo, a inicios do 2016 e tras unha presión sen precedentes fomentada polo Partido Popular de Cabana de Bergantiños, Soto deu marcha atrás á medida renovando o convenio de colaboración co consistorio, o que leva á actual situación que atravesa o recinto. Na práctica e de maneira incomprensible, o Bloque Nacionalista Galego deulle o control dun dos principais monumentos da prehistoria galega ao Partido Popular.

4. En que afecta isto ao xacemento arqueolóxico?

A pesar de que dende a Deputación da Coruña emendáronse determinados erros coma o control periódico do estado das pinturas que atesoura o dolmen logo da petición cursada por rexistro por unha asociación da comarca, o plan de actividades proposto polo Concello de Cabana de Bergantiños aseméllase en moitos puntos ao que se levaría a cabo nun local social de calquera parroquia galega, pero non ao que se merece un centro arqueolóxico que debería ser de referencia como no caso de Dombate. A modo de exemplo o novo deputado provincial de Patrimonio dende 2019, Xosé Luis Penas Corral (BNG), chegou a permitir o desenvolvemento de actividades de circo dentro da área de protección do recinto.

5. Cales serían as recomendacións a seguir no Dolmen de Dombate?

Os expertos e as convencións internacionais ao respecto son moi claros nisto. A conservación da arte prehistórica e o seu contexto é unha prioridade fronte a calquera tipo de uso turístico en recintos arqueolóxicos de primeira orde e, doutra banda, a protección do patrimonio debe quedar reflectido nas políticas de desenvolvemento cultural a todos os niveis.

6. Cal é entón a mellor solución para o Dolmen de Dombate?

Tendo en conta a situación actual, a mellor saída posible é que a propia Xunta de Galicia se faga cargo e o monumento pase a depender dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio para que se encarguen da súa xestión como ben público e gratuíto que pertence no seu conxunto a toda a sociedade galega.

(Texto en español)